Saturday 04 de May de 2024

O Catálogo da Mostra “Jorge Cabezas Is Back” reúnese a figuras como García Alix, Antón Patiño, Reixa, Xoel López ou Yolanda Castaño


O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación deste volume que recolle o proxecto expositivo que acolleu a Fundación Luis Seoane no ano 2019 sobre o traballo do pintor coruñés

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na Fundación Luis Seoane na presentación do catálogo da mostra Jorge Cabezas is Back! no que colaboran referentes culturais como Alberto García Alix, Antón Patiño, Reixa, Xoel Lopez ou Yolanda Castaño.

Na presentación do novo volume, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que este traballo feito por “nomes da cultura de primeiro nivel” recolle o proxecto expositivo que acolleu a Fundación Luis Seoane entre os meses de marzo e xuño do ano 2019 sobre a traxectoria do pintor coruñés. “Unha mostra composta por pezas das diferentes etapas do artista formando un universo creativo que agora regresa neste catálogo que hoxe presentamos”, afirmou.

O proxecto sobre Jorge Cabezas desde os seus inicios estivo comisariado por Carlos Pita e Antón Reixa e incluía, ademais da mostra, un documental dirixido polo propio Reixa xunto con Antonio Segade e que inclúe testemuñas de amigos, admiradores e colaboradores do artistas, así como o libro presentado hoxe.

O catálogo da mostra Jorge Cabezas is Back! está realizado pola editora Desescribir e conta coa colaboración do fotógrafo Alberto García-Alix, o pintor Antón Patiño, as poetas Yolanda Castaño e Lucía Aldao, o xornalista Rubén Ventureira, o pintor Álvaro Dorda ou os músicos Antón Reixa e Julián Hernández.